06/03/13

GO HARD OU VAITE DEITAR: Nico Esteban Vídeo + Entrevista





Finalmente aquí está. Nico leva gravando para este vídeo desde algo antes do Nadal ata hai nada menos ca unha semana! Os clips resultantes paréceronme impresionantes, con spots polos que matarías á túa familia enteira e trucos... xa sabedes como as gasta o colega Estebang.


 Premede abaixo para ler unha interesante entrevista co Nicolás (esa non a esperabades ou?)!!




Con motivo da noso primeiro proxecto «longo» en forma de mixtape de todos os colegas que formamos Do right do bikes, pareceume interesante realizar entrevistas individuais paralelamente á publicación de cada unha das partes, nas que cada individuo poda mostrar un pouco as súas ideas e a súa personalidade. De maneira azarosa Nico foi o primeiro en pasar polas miñas preguntas, e realmente é alguén con fortes conviccións sobre do que gosta no bmx actual e do que non, polo que debería tornar nunha lectura interesante para aqueles non familiarizados con el.

Coñecino haberá uns 2 anos e tanto eu coma o resto da xente que tivo ocasión de montar con el decatámonos do seu potencial e o seu talento natural á hora de montar. Sei que se adoita dicir «tío el mola máis có resto porque ademais de montar ben é moi humilde, dálle de comer aos pobres e axuda ás putas vellas cruzar a rúa», pero realmente si que monta cunha confianza contaxiosa e unha humildade envexosa. Aprendamos máis de el:

-Que pasa yo? Movámonos rapidamente da parte máis convencional da entrevista. Cóntanos un pouco de ti: de onde vés, residencia actual, cantos anos tes, cantos coa bmx, spónsors, alcumes, etc.

Que pasa coleguis, pois realmente nacín en As Palmas de Gran Canaria, despois estiven uns sete anos vivindo en Huelva e dende aquela a miña residencia oficial é Pontevedra. Estou estudando en Bilbo desde o ano pasado e durante o ano obviamente vivo no Euskoterritorio. Comecei a montar de maneira máis ou menos seria aos 13 anos ou así, e desde aquela ata agora con 19 anos sigo a pedalear nestas bicis para nenos. En canto aos spónsors pois axúdame co que pode Lluis de Rapit Bmx e ti (Jorge) coas camis de Do Right Do Bikes perfectas para ir á discoteque (grazas güeis).

-Actualmente encóntraste cursando a universidade e como consecuencia lóxica de ser un neno tan aplicado (haha), todos nos preguntamos como distribúes o teu tempo para estudar e montar?

Pois estudo Dereito + ADE na Deusto e a verdade é que ás veces fáiseme complicado poder facer ambas cousas, pero se sabes organizar o teu tempo penso que se pode levar ben. Unha das poucas vantaxes a curto prazo que ten a universidade é que despois dunha longa sesión de estudo o mellor que existe é unha sesión de riding; esta é unha das cousas que máis aprecio na miña vida diaria.

-Para aquela xente que aínda non tivera o… pracer de te coñecer fálanos de como empezaches con isto das bicis para retrasados e quen foron os riders que máis te inspiraron nun principio.

Agardo que o de pracer non sexa irónico... Pois como xa dixen comecei cerca dos 13 anos porque os tipos maiores do meu colexio levaban xa un tempo montando e queria ser coma eles, e tras repetir unhas mil veces ó meu pai «Papá cómprasme unha bici de saltos por Reis?» acabou comprándome unha Diamondback polo módico prezo de 220 $. A xente que me inspirou ó principio foron os rapaces máis vellos ca min cos que comecei a montar, pero desgraciadamente ó pouco tempo  deixárono e foi nese intre cando coñecín a David, Noé, Borja, Juan, etc. Sendo sinceros foron eles os que me inspiraron nos meus comezos.

-Xa que falamos dos teus inicios, paréceme interesante comentar como a túa relación coas competicións foi evolucionando conforme ti e o teu riding madurastes (hai 4 anos xa estabas abrindo bocas na categoría Expert de «O Marisquiño» e mesmo chegaches a acadar un 2º posto en Máster hai 1 ou 2 anos) Ultimamente parece que os eventos tipo Street jams coma as que organizamos nós o ano pasado imperan sobre as competicións tradicionais polo seu espírito máis relaxado ademais da crecente popularidade do street riding.

Realmente penso que as street jams representan mellor a esencia do bmx, son moito máis creativas e relaxadas. Contrariamente a esto, as competicións de rampa atraen a máis público berrando por un backflip ou un frontflip, e se ten un xiro do manillar á vez mellor. Na miña opinión as competis de rampa son moito máis estresantes, existe moita máis rivalidade entre os riders pero tamén xeran moito máis diñeiro e patrocinadores, o que é obvio botando un ollo ás máis das competis nacionais.


-Algo que non moita xente sabe (xa que estamos metidos na parte máis «seria» do bmx) é que botaches 2 veráns en Woodward, onde no lugar de aprender tailwhips e 720’s adicácheste a grindar varandas e caixóns perfectos, fumar herba e foder animadoras sen chuvasquiero, haha. Cóntanos un pouco como foi iso para os que non tivemos a sorte de montar alí. 

Debido a que meu pai quería que aprendera inglés, estiven un par de semanas durante dous veráns montando en Woodward e a verdade é que o pasei moi ben. Como ben dixeches a miña idea de montar en Woodward non era para converterme nunha batedora aérea, senón que simplemente quería desfrutar dos sitios guapísimos que teñen e facer street a maioría do tempo, porque é o que máis me mola e o único que puiden practicar ata o momento (grazas ó alcalde de Pontevedra Lores)
Fronte ao que moita xente poda pensar de Woodward, teñen moitos skateplazas e non todo son funbox e verticals, aínda que a maioría do ambiente sexa ese.Teño que confesar que intentei converterme nun backflipman pero debido a que saír do foampit cansaba máis que bailar break decidín retirarme do asunto, haha. Por certo este ano tratarei de choiar alí facendo hot dogs ou limpiando pratos, xa que che pagan a estancia completa e ti só pagas a viaxe en avión.

-Co teu crecente desinterese no que respecta ás competicións, fuches alimentando unha crecente motivación por gravar web vídeos. Algúns dos máis memorables foron o que fixeras para North Harbor con Juan Regueira (onde te metes Juan que xa non te vemos!?), o que fixeras para Paddock Bikes, o de Enfant e finalmente o que gravaches xunto co colega Jaime García que tanto impacto tivo. Cal é a túa opinión sobre os webvídeos e cal é o vídeo do que gardas mellor recordo?

Sempre pensei que os webvídeos son a mellor forma de que as persoas mostren o que realmente lles mola facer enriba dunha bici, nos spots que cada un queira, cos trucos que queira, etc. Por outra parte penso que as competicións «obrigan» os riders a facer os máximos trucos posibles (o que é totalmente obvio e comprensible) e moita xente síntese obrigada a facer tal truco ou tal outro, cando a esencia do bmx está en desfrutar montando e pasar un bo rato cos colegas. Un dos mellores recordos que teño gravando é mentres gravaba o edit con Juanito que grazas a miña insistencia de “dálle Juanito! que ti podes hostia!” acabou tirándolle a un gap imposible e papando unha hostia mundial! haha. Love Juanis.



-Que cres que ten a túa parte na mixtape «Go hard ou vaite deitar» que non teñen os edits previos (ou que cres que NON ten)?

Pois espero que teña un 200% máis de psicodelia grazas a túa edición, haha. Nah en serio, penso que desde sempre fun bastante meticuloso co tema dos edits á hora de decidir cales clips utilizar e cales non, pero si que é verdade que para esta parte tiña xa pensados case todos os clips que quería gravar polo que agardo que vos mole o resultado.

-Falando da mixtape, cal é a parte que esperas con máis ganas? Cal cres que será a recepción pública das partes? Sempre me pareceu que temos unha escena moi forte e diferenciada, pero ao mesmo tempo moi desmembrada polo que resulta difícil que a xente saiba o que se coce.

A parte de Rober (si, ese tipo que rebenta con todo despois dun par de ducias de garimbas) creo que vai ser puro fire e vai dar moito que falar, xa que pouca xente coñece as súas habilidades ultraextremas á hora de montar e despois de ver un par de clips da súa futura parte estou seguro de que vai ser moita tralla, aínda que as demais seguro que non defraudan. Como ben dis ti, penso que Galicia ten unha escena que nada ten que envexar a outras, mais está moi pouco organizada e cada un vai ao seu rollo. Grazas a Deus que temos a Do Right Do Bikes para xuntala, yewwwww.


-Xa metidos no tema de escenas actuais, gustaríame preguntarche que opinas da escena do bmx vasco fronte á galega.

Pois penso que a escena actual en Euskadi é tamén moi boa, pero aquí contamos cunha gran vantaxe xa que hai moitos máis spots e skateparks ca en Galicia. Con todo cabe dicir que en Bilbo montamos sempre moi poucos, sendo mesmo o caso que as máis das veces montamos Jimmy e máis eu só.

-Que sentes con respecto a todo o que representa e fai Dorightdobikes? o blog, as jams, as camis, os vídeos... Es libre de facerme un traxe se así o sentes, haha. Que mudarías da situación actual do bmx e que destacarías como positivo?

Como xa comentei antes,penso que un dos maiores logros que ten Dorightdobikes é o de dar a coñecer e unificar todo o bmx galego posto que sen este blog/crew/coleguis moitos de nós non teriamos a relación que temos na actualidade. Sen dúbida esta é a mellor forma de fomentar o bmx e darlle un punto de vista máis creativo e propio, o que acho un pouco en falta no resto da península. Moito obrigado Georgeeee!

-Voltando ao teu riding. Estiveches desde un principio con 2 pegs, pasaches aos 3 pegs onde cambiaches os derek dusters polos crooked grinds e finalmente acabaches con 4 que pode que sexa ou non debido á presión de Rober (Loureiro) Cales cres que son os pros e os contras de cada un? Veste voltando aos 2 ou aos 3 pegs? 

Todo comezou nunha noite axitada na que Rober cun alto grao de alcol na que me fixo caer na conta de que se tiña 3, por que non 4? Así que despois de que me recuperara das hostias que sufrín nunha pelexa con el decidín montar o cuarto ata agora. Digo ata agora porque voltei aos tres xa que coa nova roda que teño resulta imposible meter un cubre para o cuarto e sen cubre non paro de romper cadeas, haha. En canto consiga unha solución para isto espero volver aos 4.


-Que opinas dos freecoasters ti que es un amante dos fakies, os halfcabs e demais? Veste con un?

Mólame moito o riding con freecoaster, pero como dis son bastante amante de todos os trucos para atrás e penso que co coaster non podería facer moitos destes trucos. Aínda con isto non descarto probalo algún día!


-Cales son os web vídeos que máis te engorilan para ir montar? Que riders segues?

Un dos web vídeos que máis me marcaron no seu momento foi o Federal de Dan Lacey con Ty Morrow no que este último comezou a montar para a marca inglesa. Outro web vídeo que me mola moito e o de Garrett Reeves para Sunday. Son moitos os riders que me influencian á hora de montar pero entre eles están Ty Morrow, Bruno Hoffman, Garret Reeves e por que non? Jimmy Jon xa que montamos a diario xuntos e aprendemos moito un do outro (*no homo)




-Que agardas ver para 2013 no tocante a trucos novos/vídeos novos? Que riders cres que van rebentar na escena?

Agardo moitas cousas boas, pero creo que o que vai deixar un gran impacto e vai marcar un antes e un despois no bmx é o video de Deadline. Estou seguro de que vai ser o mellor vídeo de bmx da historia e agaardo que non o pospoñan un ano máis, (que o Fall de 2012 xa pasou eh cabróns? Haha) En canto aos riders que van rebentar na escena vén á miña mente o meu colega Jaime García, non só porque sexa o meu amigo, senón porque ten unhas habilidades enriba da bici que pouca xente coñece e espero que o futuro lle repare moitas boas novas.

BONUS: preguntas do Jaime García:

-Saltaches algún coche/can?

Unha vez de resaca case saltei un Mercedes nun cruce, pero cando chegou o momento boteime atrás por se arrancaba.

-Que é o máis raro que grindaches?

A mesa do meu piso.

- Algunha vez te insultou alguén mentres ías na bici, paraches e acabar dándovos unha aperta?

Os dous primeiros pasos si, do terceiro non estou moi certo.


-Finalmente volvamos ao punto de inicio e pechemos a entrevista tamén de maneira tradicional; os agradecementos.

En primeiro lugar quería darlle as grazas á miña familia e máis en concreto ó meu pai, por apoiarme en todo desde o primeiro momento e aguantarme día tras día. En segundo lugar a todos os meus colegas que monto con eles e fan que siga hoxe montando. Por suposto a ti Jorgiño e a todo o exército de DRDB por facer isto posible e levar a cabo este proxecto. Por último e non por iso menos importante a Lluis de Rapitbmx por confiar en Jaime e en min axudándonos con todo o posible. Moitas grazas a todos chaaaayos! Love.

















Sem comentários:

Enviar um comentário